segunda-feira, 10 de março de 2008

Sinforosa




Despois dun anaco de queixo fresco,
saías do teu recuncho,
buscando coa ollada á pícara que enredaba cos xoguetes na porta da cociña.
Traías para ela un trato musicado coa túa voz,
"Nena heiche ensinar a bailar para cando vaias aos mozos".
Levantándoa da súa silliña de madeira,
comezaba a cantarear un pasodobre.
A nena enganchaba os dediños entre as súas mans,
dando voltas,
xirando a paso silencioso entre a cociña de leña e a de gas.
Fóra, os cans, subidos nas escaleiras do patio,
levantaban as orellas e contemplaban atónitos aquel novo espectáculo.
A nena seguía o ritmo dos susurros harmónicos,
procurando imitar cada paso.
Daquela aínda non sabía que aquelas mans vellas,
lle ensinarían a bailar pasodobre na súa memoria,
até que a música esmorecese para sempre.



Noa (2008).A meu avó Manuel

2 comentários:

Chis-Chas disse...

Muito ben Noiña, gosto muito do teu escrito e vexo ao avó Manuel sorrindo con aquel seu dente tan particular, gostarialle saber da sensibilidade da súa neta ben querida, e sen dúbida había botar algunha bágoa de emoción.Mágoa que non poida disfrutar do teu cariñoso escrito.
Eu quero lembrárche que lles adiques algún outro escrito aos avós montañeses , eles aínda os poderán disfrutar e sentirse ben queridos e orgullosos da súa única "nena" como eles din " A Noa".Non esperes a lembralos na irremediable distancia, failles o agasallo en vida non "in memoriam".
Moitos bicos. E sigue producindo.

Anônimo disse...

Nas tuas letras esvara a emoción de quen viu cumes nevarados e brincou coas ondas nos Fondás.
No Porto Chico aínda fican dúas bágoas do teu avó cuando, coa mirada perdida na ría,non aparecía a súa neta...
Segue a exprimir os tuas lembranzas sementado regos de futuro coas túas fermosas palabras.