sexta-feira, 13 de março de 2009

Comeza o VI Certame Literario Concello de Ames



A nova edición do Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía foi presentada publicamente esta mañá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns da man do concelleiro de Cultura, Francisco Villaverde. Dirixido a todos os e as amantes da literatura, sexa cal sexa a súa procedencia, este concurso é xa un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen medir a súa capacidade para escribir e os límites da súa imaxinación.
Na pasada edición recibíronse máis de 200 traballos.Ao igual que en anos anteriores, son tres as categorías existentes en cada modalidade do certame. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces de 14 a 18 anos e a terceira ás persoas de máis 18 anos.
Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 120 euros, 90 euros e 60 euros na primeira categoría, 150 euros, 120 euros e 90 euros na segunda e 210 euros, 150 euros e 120 euros na terceira.
Todas as persoas que desexen participar no certame deberán enviar antes do 20 de abril de 2009 catro exemplares do seu texto, en folios mecanografados por unha soa cara e a dobre espazo ao enderezo Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avda de Azcárraga nº5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.
A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. Ademais, cómpre lembrar que o tema é libre e que só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.
Outro dos puntos importantes reflectidos nas bases do certame advirte que nos textos non poderán aparecer os datos persoais do autor ou autora nin a súa sinatura. Así, en cada un dos catro exemplares enviados terá que figurar a modalidade na que participa (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora.
Para garantir o anonimato, os participantes terán que introducir os seus datos persoais (nome e apelidos, idade, fotocopia do DNI, enderezo e número de teléfono) nun sobre pechado no que, por fóra, figure o pseudónimo e o título do traballo. Este sobre cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora (nunca o nome real).
O xurado do certame estará formado por tres membros de recoñecido prestixio dentro do mundo da cultura e por un secretario ou secretaria, con voz e sen voto, en representación do Concello de Ames. Un dos membros do xurado designarao a Asociación de Escritores en Lingua Galega e os outros dous serán designados polo propio Concello de Ames. A súa decisión anunciarase publicamente o venres 15 de maio de 2009 e os premios entregaranse o 17 de maio de 2009 nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.
Para máis información:
981 884 991 ou enviar un correo ao departamento de Normalización lingüística