terça-feira, 30 de outubro de 2007

Non, non , non inocentes a prisión!


Hoxe 30 de Outubro ingresaron no cárcere de Teixero ás 8.30 da tarde os veciños do Eixo condenados por uns disturbios a pesar de ser inocentes.
Coloco a seguir a noticia que saquei do xornal semanal A Nosa Terra:

Tres veciños do Eixo poden ir á cadea por uns disturbios do 1998

Simón Márquez, Xosé Moreira e Xesús Montoiro poderían ingresar na cadea o 31 de outubro por un delito de lesións contra un policía durante uns disturbios ocorridos canda unha protesta contra unhas obras nun vial no Eixo, en Santiago. Xa se reuniron 10.000 sinaturas que piden o seu indulto.

A entrada en circulación dun carril de tránsito lento pola estrada N-525 que vai de Santiago a Ourense, ao seu paso polo lugar compostelán de Santa Lucía, ocasionou que tres veciños da parroquia de San Cristovo do Eixo estean a piques de entrar no cárcere para cumprir dúas condenas, cada un de seis e un anos por cometeren os delitos de lesións e atentado cando protestaron, en 1998, contra as obras de Fomento e foron obxecto dunha intervención da policía.

Se o goberno estatal non fai caso das case 10.000 peticións de indulto que lle van ser presentadas o 15 de outubro ao Ministerio de Xustiza, Simón Márquez Valle, fontaneiro de profesión, Xosé Moreira Fernández, libreiro, e Xesús Montoiro Cepeda, chofer, o próximo día 31 ingresarán no cárcere máis próximo aos seus domicilios, que será seguramente o de Teixeiro.

A totalidade das asociacións de veciños de Santiago e moitas da súa comarca mobilizáronse para recoller sinaturas a favor de que se lles conceda o indulto. Na súa parroquia e no lugar onde viven ninguén fala mal deles. Todos coinciden en consideralos persoas de ben, responsábeis pais de familia e cidadáns correntes que non serían capaces de facerlle dano a ninguén.

Que pasou logo para chegaren á situación na que están? O 14 de xullo de 1998, pasadas as 10 da noite, arredor de 200 veciños da parroquia de San Cristovo do Eixo atopábanse na estrada N-525 protestando porque Fomento abrira dous días antes un carril novo de tránsito lento sen construír previamente un paso a desnivel para que os veciños de Santa Lucía puidesen pasar dun lado a outro da vía pública. O lugar, aínda hoxe que xa está funcionando a autoestrada e por fin hai un paso a desnivel na vella estrada, constitúe un punto negro no que constantemente está habendo accidentes que case sempre son atropelos.

Aquel día, un policía, Luís Gómez Vázquez, quixo levar preso un menor de idade e varios veciños impedírono no transcurso dun suceso que, aínda hoxe, é interpretado de moi diferente maneira polos veciños do Eixo e pola versión que lle subministraron ao Tribunal de Xustiza os policías afectados e que a Audiencia Provincial da Coruña, na súa Sección de Compostela, deu por boa mediante unha sentenza emitida o 17 de outubro de 2003 por un tribunal presidido polo maxistrado Anxo Pantín Reigada, con Xosé Ramón Sánchez Herrero e Carme Vilariño López de vogais.

Esta sentenza, condenando os tres citados un total de sete anos de cárcere por cada un, foi ratificada polo Tribunal Supremo e o goberno central non accedeu á primeira petición de indulto que lle foi presentada na primavera do ano pasado. Segundo cren saber na directiva da Asociación de Veciños do Eixo, absolutamente entregada á defensa dos tres condenados, o caso tocáballe ser resolto cando era ministro de Xustiza Juan Fernando López Aguilar, que tivo que deixar o cargo ao ser designado candidato do PSOE á presidencia das Canarias polas últimas eleccións. Inmeditamente despois, o seu sucesor, Mariano Fernández Bermejo, informou negativamente da petición de indulto malia ter, segundo pensan na citada directiva veciñal, un fraco coñecemento do caso.

A nova situación caeu coma un chafariz de auga ardendo non só sobre os afectados senón tamén entre todos os seus veciños que non paran de mobilizarse para buscarlle unha saída a este proceso que evite que pasen pola cadea “persoas honorábeis que todos apreciamos e que son necesarias nas súas casas”, segundo nos dixo Xosé Manuel Bocixa Fernández, secretario da Asociación de Veciños do Eixo.

Nesta dirección tamén apuntaron xa no Concello de Santiago e mesmo no Parlamento, onde a Comisión 1ª Institucional de Administración Xeral, Xustiza e Interiror aprobou o 28 de setembro unha declaración sumándose ás diferentes manifestacións de solidariedade cos veciños do barrio do Eixo que teñen pendente a execución dunha condena que implica o seu ingreso en prisión.

Precisamente, no Parlamento este tema non chegou a ser tratado no pleno porque no PP parece estar habendo un cambio de actitude ao seu respecto dende que Xerardo Conde Roa se fixo cargo da política desta organización en Santiago. Segundo lle ten manifestado ao secretario da Asociación de Veciños, Roa móstrase agora partidario de que os condenados lles pidan perdón aos policías antes de levar adiante trámite de petición de indulto.

A este respecto, non hai unanimidade entre os tres. Un deles xa fixo pública manifestación desa petición de perdón, pero os outros resístense a levala a cabo porque pensan que iso representaría recoñecer unha culpabilidade que non admiten.

2 comentários:

Anônimo disse...

Teñoo un comentario ke bem! aljén me fai caso! jajajaja

POis non son Obi ando a estorbar... xDDDDD

CREA UN FOTOLOG

Noa disse...

Se o comentario ía ser este e ía ser o teu era mellor q o aforraras porko xD.
Non creo fotolog ningún q ben nos chega a todos con traumatizarnos co teu.
Ala vai bailalo pasodoble coas orkestas.
Pásamelo, pásamelo jajajaj vaia noitinha nos deron amigho, una y no mas santo tomás ;P.
Bikos cotxo